CAMERALIA BLOG

CAMERALIA BLOG

28 enero 2007

Unha semana, día e noite.

O feito simple de tocar un instrumento musical ou de cantar e compartir esta actividade con outros individuos móvenos a moitas persoas a vivir a paixón dunha vocación artística xa desde a nosa primeira xuventude e ao longo das nosas vidas. Aínda máis, a profesión de facer música envolve a todo aquel que a acepta de forma xenuína nunha tensión creativa que afecta e modula ao ser humano nos ámbitos físico, intelectual, emocional e social.

En Santiago, desde o 22 ata o 29 de xullo instálase un faro sobre a música de cámara clásica, unha luz que alternativamente enfoca cara ao interior do proceso –a Academia- e cara á proxección pública deste traballo –o Festival.

O día é testemuña da transmisión da experiencia e coñecementos sobre a construción dun grupo de cámara e o seu repertorio nunha visión calidoscópica que abrangue técnica, análise e mecánicas de grupo, co fin de administrar con sensibilidade as conviccións e impulsos individuais en aras dun obxectivo estético común, dunha respiración compartida.

A noite, a través dos concertos do Festival, invita o amante da música na súa expresión máis íntima a gozar da interpretación dos máis selectos autores da historia da música, a descubrir xuntos nunha viaxe intensiva que hai de común en compositores como Schubert, Ligeti, Mozart, Messiaen ou Beethoven, así coma nas estreas dos nosos contemporáneos Mariño (Vigo), Torres (Zaragoza) e Delgado (Lisboa) para producir a fascinación de intérpretes e público.

Todo o traballo desenvolvido na Academia estenderase, nunha auténtica diáspora musical, por oito cidades e concellos galegos, que poderán vivir a experiencia duns concertos de gran calidade ofrecidos por unha selección de estudantes de primeiro nivel e mozos profesionais chegados desde os destinos máis variados.

Benvidos a Cameralia 07,

I Festival e Academia Internacional de Música de Cámara de Galicia.

José Luis Estellés
Director artístico

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Ya tengo ganas de que empiece cameralia. No pienso perderme ni un concierto.

Anónimo dijo...

xa empezou, fuches ó primeiro-segundo?